top of page
Buscar
  • Foto del escritorUxía Pérez

Ana Pérez, reivindicación e feminismo

Unha conversa coa xornalista sobre a manipulación informativa e sobre como comunicar con perspectiva de xénero


Ana Pérez é unha das caras máis visibles do telexornal da TVG das últimas dúas décadas, unha xornalista que durante toda a súa carreira sempre levou a xustiza social por bandeira. Esta personalidade reivindicativa impulsouna, xunto con outros compañeiros, a denunciar a manipulación informativa esixindo o cumprimento da Lei de Medios. Alá van máis de 100 venres negros protestando pola mellora da calidade dos servizos públicos. Defende a Galega reclama un modelo de comunicación aberto e plural, afastado do discurso elaborado polo Goberno da Xunta, xa que como ben explica Ana “a Lei de Medios de 2011 establece a creación dun Consello de Informativos, un Consello de Redacción que velaría pola imparcialidade a obxectividade dos contidos informativos e evitaría a manipulación sistémica que padecen os informativos dende fai anos”, consello que polo de agora aínda é inexistente.


Despois de 23 anos, en xaneiro de 2019, Ana Pérez era desprazada da súa labor como presentadora no telexornal da TVG. É de coñecemento público que máis dun xornalista da canle foi expedientado con xustificacións vagas tras as que se escondían represalias por participar nestas mobilizacións. Unha destas sospeitosas xestións foi a que lle sucedeu a Ana Pérez: “No meu caso hai máis “letra pequena”. Digamos que o problema da conciliación, que durante ano e medio non supuxo ningún problema, pasou a selo a metade de temporada e despois de levar uns meses vestindo de negro os venres… Chamádeme mal pensada, pero resulta cando menos, sospeitoso.”


O goberno galego segue, despois de dous anos de protestas periódicas, a dar as costas a unha información plural e non partidista. Mais semella que de portas para fóra si hai unha imaxe que se pretende manter. A relevancia que dende o século pasado foi collendo o feminismo nos espazos televisivos foi exponencialmente grande. A loita pola liberación da muller foi collendo cada vez máis e máis protagonismo: “Déronse pasos de xigante creando un Ministerio de Igualdade, Consellerías, e Concellerías. Pero moitas veces dá a sensación que sinxelamente é de cara á galería, por facer ver que se cumpre a Lei. Logo eses departamentos non se dotan de orzamentos abondo para xestionar accións que permitan avanzar na loita feminista” conta a xornalista. 


O feminismo e o seu tratamento nos medios

Unha das situacións que máis críticas recibe o xornalismo dende os movementos feministas é o tratamento da violencia de xénero nos medios. En numerosas ocasións os lectores poden atoparse con titulares nos que se conta como unha muller asasinada a mans dun home foi “atopada morta”. Este tipo de situacións parecen xerar un certo desconcerto a hora de convertelas en noticia. A experiencia de Ana Pérez conta como “Non se protexe a identidade das vítimas, nin do entorno, trátase con frivolidade os casos de agresións machistas (os díxomes da veciñanza sobre a relación da parella, como era o agresor...etc), a xustificación do delito ou do delincuente…Falta formación e sensibilización de xornalistas e responsables dos medios para informar con calidade  deste tema.” Este debate é algo que revive varias veces no ano, e aínda que a tendencia é cada vez máis decrecente, algo nos di que os xornalistas dos medios hexemónicos seguen a tropezar na mesma controversial pedra unha e outra vez. 


A desigualdade patriarcal chega aos seus extremos a través da violencia física como o asasinato ou a violación, pero debaixo disto hai unha infinidade de situacións que infravaloran a muller como persoa e que continúan a perpetuar comportamentos machistas. “Tanto na linguaxe, como no tratamento de temas como a violencia machista, a desproporción na cantidade e tipo de informacións protagonizadas por mulleres, (a proporción segundo algúns estudos está nun 70-30). Carecemos case de opinadoras e voces autorizadas ou especialistas femininas cando se precisan opinións expertas. Percíbese na hipersexualización de moitas profesionais (sobre todo na televisión) e na propia organización, estrutura e propiedade dos medios, en que os cargos de responsabilidade seguen tendo maioritariamente nome masculino….e un longo etcétera”, explica Ana Pérez. A labor dun medio de comunicación sempre debe ser informar,  pero dependendo do xeito no que se difunda dita información, a sociedade será educada reproducindo uns comportamentos ou outros. É traballo dos medios fomentar conductas baseadas no respecto á muller. 


Ana Pérez tamén reflexiona e analiza o feito de que as televisións aínda a día de hoxe sigan a empregar como reclamo a figura da muller: “Vistes algunha muller do tempo que non cumpra os cánones de beleza estereotipados? Nos mesmos informativos (e sobre todo en cadeas privadas) os presentadores poden ser profesionais “curtidos”, “añosos”, pero as mulleres deixan de facer pantalla cando cumpren anos. Nos programas de entretemento seguimos vendo a figura da “azafata”, nos programas deportivos utilízase a figura feminina como “reclamo” para poñer a pé de campo ou a pé de pista nas competicións automobilísticas ou motociclistas e atraer aos protagonistas para obter declaracións (sempre masculinos)”.


Malia isto, non toda a perspectiva de futuro semella negativa. “Os medios empezaron a traballar para que as informacións ofrezan a pluralidade e a diversidade sexual e de xénero que caracterizan á sociedade actual, pero queda moito por facer, sen dúbida (…) Moitos medios xa comezaron a cambiar uns patróns de comunicación que durante tempo, normalizaron o problema da desigualdade entre xéneros” comenta a xornalista. 


A labor das xornalistas dentro dos medios hexemónicos

“Eu penso que temos unha responsabilidade ética individual se queremos lograr que as cousas cambien e melloren definitivamente. Se non, quedaremos na mera pancarta, no eslogan e nas campañas do 8M. É certo que debemos esixirlles ás empresas que implementen cursos, seminarios, que establezan protocolos, decálogos para desterrar a linguaxe sexista dos medios, pero cada un debe aportar o seu grao de area. Do que non se fala, non existe. Así que eu procuro falar do tema na redacción. Suxírolles aos compañeiros o uso de linguaxe inclusiva e intento desterrar a sexista. Propoño temas nos que as mulleres sexan as protagonistas e que contribúan a empoderalas. E cando teño que busar unha opinión experta, opto pola dunha muller, porque sei que a opción masculina vai estar sempre enriba da mesa” expón Ana Pérez.


A forma cal se emprega a linguaxe marca como somos e por iso explica que “É necesario mudar a linguaxe que empregamos para deconstruír a sociedade? Todo empeza coas palabras e son de vital importancia porque nos permiten ser como somos e identificarnos. Se queremos cambiar, o xeito de empregar a lingua tamén debe mudar. Evoluciona debido ás modas, ás tendencias, á xeografía ou a un cambio de visión do mundo... e nesas estamos. Queremos que a lingua reflicta un mundo de iguais.”


É por todo isto que o xeito co que Ana se comprometa a facer xornalismo é un xeito de comunicar que fale sobre toda a cidadanía na súa totalidade: “Hai que apostar pola incorporación dunha ollada completa que represente a toda a cidadanía na produción e difusión de contidos e sobre todo na toma de decisións editoriais. Difundir temas e mensaxes innovadoras para combater informacións e imaxes discriminatorias, e incorporar outras máis inclusivas en defensa da paridade entre homes e mulleres.”




IMAXE: DEFENDE A GALEGA

112 visualizaciones0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo
bottom of page