top of page
Buscar
  • Foto del escritorTania Forja

Entendendo a lexislación

Actualizado: 5 jun 2020

A igualdade entre homes e mulleres é unha loita longa e que continúa activa. Esta pasa por acadar unha lexislación firme en temas que afectan directamente á vida da muller, dende o recoñecemento da igualdade lexislativa entre mulleres e homes, ao dereito a voto ou a lexislación relativa á violencia de xénero ou á saúde sexual, afectiva e reprodutiva e por tanto á interrupción voluntaria do embarazo.


Fotografía de Sara García


Para comprender os termos nos que nos atopamos actualmente cómpre facer memoria para entender os logros que se acadaron no pasado. Unha das primeiras grandes loitas quizais foi a levada a cabo polas sufraxistas de inicios do século pasado que loitaron por acadar o dereito a voto para as mulleres. En España, ao igual que en moitos países, este acadouse nos anos trinta, no caso particular español, as mulleres puideron exercer o voto a partir do 1931 durante a Segunda República, dereito que se viu truncado pola ditadura franquista.


Ao longo de todo o século XX o dereito a voto foise implantando naqueles países que tiñan un sistema político democrático, mais noutros non foi ata o XXI cando as mulleres puideron meter unha papeleta nunha furna para elixir quen as representa a nivel político. A máis recente foi no 2015, cando Arabia Saudí permitiu ás mulleres votar nas eleccións municipais. Hai outros países nos cales nin homes nin mulleres teñen dereito a votar ou que este está condicionado por mor dos sistemas políticos que rexen as súas nacións.


Se falamos de igualdade lexislativa atopamos máis letra pequena e hai máis países que non a recoñecen. No caso español, non foi ata a Constitución de 1978 cando se recoñece a igualdade xurídica entre homes e mulleres, rezando no artigo 14 que “Os españois son iguais ante a lei, sen que poida prevalecer discriminación algunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión o calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social”.


Do ano 1981 é a Lei 30/1981 do 7 de xullo, pola que se modifica a regulación do matrimonio no Código Civil e se determina o procedemento a seguir nas causas de nulidade, separación e divorcio. Esta data marca un fito para todos aqueles matrimonios que querían separarse, xa que durante todo o franquismo o matrimonio é indisoluble, ao terse derrogado a lei de 1932 instaurada durante a Segunda República que si que o permitía. Esta lei do 1981 era bastante conservadora xa que as causas para romper un matrimonio tiñan que estar motivadas polo alcoholismo, infidelidade, abandono do fogar, conduta vexatoria, violación dos dereitos dos fillos... e non simplemente por non querer compartir a túa vida ad eternum cunha persoa da que non estás namorada.


Nos primeiros anos de funcionamento da lei do divorcio non foi tan acollida como se podía pensar e o número de separacións non era moi alto. Isto xustifícase en que tras a ditadura a sociedade española era profundamente conservadora e estaba moi influenciada pola Igrexa Católica, que cualificaba o divorcio como a rotura da institución do matrimonio e dos valores da familia. Foi durante a lexislatura de Felipe González cando se reforma a lei e se axilizan e flexibilizan os trámites do divorcio, feito que levantou de novo críticas por parte da Igrexa que cualificou esta como a lei do divorcio express.


Nós parimos, nós decidimos


A saúde sexual e reprodutiva e por tanto, o aborto formaron parte da loita feminista dende fai moitos anos. No ano 1937, en plena Guerra Civil, o goberno da Segunda República despenaliza o aborto. Como é de imaxinar, unha vez o bando franquista gaña a guerra derrogase esta lei e volve a prohibirse.


Non foi ata o ano 1985 cando se volve a despenalizar e a permitirse o aborto en tres supostos: risco para a saúde física ou psíquica da nai, violación ou malformación ou problemas físicos ou mentais no feto. Dita lei orgánica estivo en vigor ata o ano 2010 cando o goberno socialista de Zapatero elabora unha nova.


A Lei orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e de interrupción do embarazo entra en vigor no último ano da lexislatura socialista. Con ela, asúmese que a maternidade debe ser libremente decidida e que se debe garantir o acceso á interrupción voluntaria do embarazo.


Nesta lei enténdese que os non nacidos non poden considerarse dentro do ordenamento español como titulares do dereito fundamental da vida. A pesar disto, establécese un limiar de viabilidade do feto, no que é susceptible de vida independente da nai, arredor da semana 22 de xestación á hora de marcar os tempos nos que se pode levar a cabo a interrupción do embarazo.


Unha muller pode interromper o seu embarazo antes da semana 14 de xestación. Esta debe ser debidamente informada sobre os dereitos, prestación e axudas públicas de apoio á maternidade e deberá reflexionar durante 3 días ata poder levar a cabo o aborto. Se a interrupción da xestación está motivada por causas médicas está poderá facerse ata a semana 22, mais debe estar xustificada por algún risco grave para a vida ou saúde da nai ou por anomalías graves no feto.


Aqueles sanitarios que non estean a favor do aborto, poden acollerse á obxección de conciencia sen que isto teña consecuencias para el. A lei derrogaba así mesmo, a lei que castigaba a quen practicaba o aborto e á abortante. A nova lei contempla castigos por non facilitarlle a información previa á xestante, por non deixar transcorrer o período de espera, por facelo sen os ditames pertinentes ou por facelo fóra dun centro acreditado.


Coa chegada do Partido Popular ao goberno no 2011 inténtase facer unha contrarreforma da lei. Esta versión era máis conservadora que á do 1985, ao só contemplar o aborto para os casos onde houbera perigo da vida ou saúde da nai ou violación, mais sen considerar as malformacións ou problemas físicos e psíquicos do feto un motivo para a interrupción do embarazo. Finalmente, só se reformou que as menores de idade de 16 e 17 anos, que na lei do 2010 podían abortar sen o consentimento dos pais, pero si o coñecemento, agora pasaran a precisar o permiso dos proxenitores para interromper o seu embarazo. O goberno de coalición do PSOE e Unidas Podemos prevé derrogar esta contrarreforma e volver aos termos aprobados durante o goberno socialista no ano 2010.


Este é un extracto do artigo "Entendendo a lexislación" publicado na versión en papel, onde se tratan estes e outros temas como a igualdade lexislativa en España ou a leis de protección da muller en materia de violencia de xénero

41 visualizaciones0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo
bottom of page