top of page
Buscar
  • Foto del escritorSara García

O verdadeiro valor das cousas

Actualizado: 23 may 2020

Analizamos o imposto rosa e como o valor dos produtos orientados a mulleres poden verse incrementado en máis dun 7% con respecto aos que están dirixidos a homes


Que as mulleres cobran menos que os homes á hora de levar a cabo un traballo é algo que todos sabemos e que os datos respaldan. Segundo os cálculos levados a cabo polos técnicos do Ministerio de Facenda, que foron publicados no informe Gestha sobre a fenda salarial e o teito de cristal, no 2019 as mulleres cobraron un 29,3% menos que os homes polo mesmo traballo. 


Son tamén numerosas as investigacións que demostran que as mulleres poden chegar a pagar o dobre ou o triplo por artigos de hixiene, cosmética, roupa e xoguetes infantís. A diferenza neste ámbito está marcado por dúas cores: o rosa  e o azul. Trátase dunha estratexia comercial que empregan as marcas coa finalidade de segmentar o mercado e obrigar ao consumidor a duplicar compras polo que a empresa duplicaría as súas vendas tan só cambiando a cor dun produto. 


Este recargo foi denominado como ‘taxa rosa’ pola Universidade de California xa no ano 1995. Esta entidade levou a cabo investigacións neste ámbito para chegar a concluír que de media, unha muller en Norteamérica podía chegar a gastar 1.400 dólares máis ao ano que os homes por produtos de características e valores similares. No caso de España foi un estudo encargado pola Consellería de Economía da Comunitat Valenciana o que confirmou a existencia da taxa rosa, con precios un 7% máis altos nos produtos de hixiene íntima dirixidos a mulleres. 


A taxa rosa leva a que as mulleres paguen un sobreprezo en determinados produtos que comparten exactamente as mesmas características ou que son moi similares aos que están dirixidos ao sector masculino. Algúns expertos argumentan que ditas desigualdades están respaldadas nas propias características do produto, que provoca que o prezo deba ser máis elevado. Porén, outros analistas explican que este recargo é unha estratexia de negocio e marketing por parte das marcas, xa que estas interpretan que as mulleres consumidoras están dispostas a pagar máis por determinados bens. 


Os exemplos nos que a taxa rosa é máis evidente están relacionados coa hixiene íntima, tales como máquinas ou espumas de afeitar. 

Algúns dos exemplos nos a taxa rosa é máis evidente é en produtos de hixiene íntima tales como máquinas e espumas de afeitar: as coitelas de afeitar de marca blanca dos supermercados Eroski na súa versión masculina custan 99 céntimos por dez unidades (saíndo cada unidade por 10 céntimos) e na súa versión ‘rosa’, dez unidades sairían por un prezo de 2,10 euros (sairía a 21 céntimos por unidade). A espuma de afeitar da mesma marca branca para homes cun envase de trescentos mililitros ten un prezo de 1,14 euros, saíndo a 38 céntimos os cen mililitros. A súa versión dirixida a mulleres preséntase nun tarro de douscentos mililitros e ten un custo de 2,59 euros, polo que os cen mililitros sairían por 1,30 euros. 


Outro dos produtos de coidado persoal que presentan unha elevada taxa rosa son as cremas hidratantes. No caso da marca de L’Oréal seguen unha modus operandi distinto para evitar que sexan xulgados por levar a cabo esta estratexia comercial: a nomenclatura dos produtos e o seu formato cambia para que as súas distintas versións non poidan ser comparadas. Porén, lendo as características que se mostran na etiqueta, non é difícil distinguir aqueles produtos que son similares. Neste caso, trátase de dúas cremas que prometen combater os signos da idade tales como engurras e estirar a pel. A versión masculina preséntase nun tarro de cincuenta mililitros cun prezo de 11,06 euros, mentres que a feminina ten custo de 17,22 euros. 


Os perfumes tamén son un sector nos que a taxa rosa está presente de xeito indiscutible. Segundo un estudo elaborado por Idealo, un comparador de prezos online, conclúese que en España un perfume para muller ten un custo de 9 céntimos máis por mililitro que as fragancias masculinas. Os resultados deste estudo revelaron tamén que o 73,68% dos perfumes dispoñibles no mercado ven o seu prezo aumentado cando falamos da súa versión dirixida a mulleres. Para comprobalo chega con navegar uns minutos pola web. O perfume Eros da marca Versace na súa versión masculina véndese nun formato de cen mililitros por un prezo de 69,95 euros, sendo a súa versión feminina, no mesmo formato, trinta euros máis cara e ascendendo así o seu custo a 99,95 euros. 


Porén, a taxa rosa non está só presente nos produtos de hixiente íntima ou coidado persoal, se non que se estende a moitos outros ámbitos presentes na vida cotiá. Tanto é así que cortar o pelo ten un custo medio de 53 euros para as mulleres e de 27 para os homes. 


Os xoguetes paa nenos tamén poden saír máis caros se a súa cor é rosa. 

Comprar regalos para os máis pequenos da casa tamén pode saír caro se desexamos obter algún ítem de cor rosa. Toys “R” Us, tenda de xoguetes presente en todo o país, ten á venda un patinete negro e vermello, dirixido a nenos, por 54,99 euros. A súa versión ‘para nena’, idéntica á anterior agás na cor, que neste caso é rosa e branco, aumenta o seu prezo ata 58,99 euros. 


Adrián Amorí, director de Idealo en España, declaraba nunha nota de prensa para os medios o alarmante que é ver como o prezo do mesmo produto aumenta se é unha muller a quen está dirixido. Concluía así que a taxa rosa é un exemplo de que para que chegar a unha sociedade igualitaria todos debemos poñer da nosa parte, comezando polas empresas que ofrecen produtos e servizos que, en ningún caso, deberían variar por razón de xénero. 


Outra das peticións que as consumidoras repetiron ata a saciedade vai na liña do IVE dos produtos de hixiene íntima feminina tales como compresas, tampóns ou copas menstruais, que gravan o mesmo que un ramo de flores, fertilizantes, circos ou concertos. As clientas reclaman que se baixe do 10% actual ao 4% e pasen así a formar parte do grupo de bens de primeira necesidade. A ministra de Facenda María Jesús Montero, recoñeceu no 2019 que nos atopamos ante unha fiscalidade discriminatoria e que tratarían de dar un paso máis cara a igualdade entre homes e mulleres. Tanto foi así, que o Presidente do Goberno, Pedro Sánchez, incluíu entre os Orzamentos Xerais do Estado un paquete de medidas económicas que incluía a reducción do IVE destes produtos ao tipo de superreducido, polo que baixaría ata o 4%. Esta medida, polo momento, non entrou aínda en vixencia ao non terse aprobado ditos orzamentos. 


Algúns exemplos dos citados no texto en referencia ao incremento de prezo nos produtos dirixidos a mulleres ou nenas.



29 visualizaciones0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo
bottom of page