top of page
Buscar
  • Foto del escritorTania Forja

Purplewashing: feminismo de camiseta

Actualizado: 29 may 2020

Moitas empresas, institucións e organizacións aproveitan o auxe dalgúns movementos sociais para facer márketing e presentar unha cara máis amable e próxima á cidadanía. Un deles é o feminismo, pero están realmente comprometidas estas empresas ou só queren lavar a súa imaxe?



Fotos de Stradivarius e H&M



Entender o feminismo como un movemento alleo á loita de clases é ter unha visión bastante afastada da realidade. A emancipación da muller pasa por entender este movemento como unha loita que afecta de xeito desigual en función dos privilexios do individuo. De aí a polémica que suscitou o “yo soy feminista” de Ana Botín, presidenta do Banco Santander.


O feminismo é, tal é como explica a escritora Nuria Varela, un discurso político que se basea na xustiza e, ao mesmo tempo, un movemento político. O feminismo é o principio de igualdade entre homes e mulleres e o movemento social que loita por esta realización.


Partindo desta base, foron e son moitos os que se adheriron a ela para conseguir os dereitos que como ser humano pertencen á muller de igual xeito que ao home. Pero tamén foron moitos os que atoparon no feminismo un nicho de mercado ao cal se lle podía sacar rédito económico ou político. Que Ana Botín se declare feminista non é máis que unha campaña de márketing. Que a dona dun dos maiores bancos do Estado ou calquera outro gran empresario capitalista se declare feminista e só un “queda ben”, apropiándose dunha loita que non lle pertence e entendendo o feminismo como unha máscara para logo seguir perpetuando os principios neoliberais que rexen as súas empresas e institucións, á vez que intentan deste xeito presentar unha cara máis amable á cidadanía. Intentan facernos crer que estamos do mesmo lado na batalla, cando os privilexios económicos que persoas como Ana Botín ten e dos cales leva gozando toda a vida fagan que nunca se poida poñer na pel da muller desempregada á cal o banco do que é dona desafiuzou.

Son moitas as persoas e institucións que empregan o purplewashing ou lavado violeta, unha serie de estratexias políticas e de márketing apelando a ser simpatizantes do feminismo e da súa loita. Este lavado violeta ten a mesma base e modus operandi que o pinkwashing, apoiando o colectivo LGTB, o greenwashing, comprometéndose co medio ambiente e a sostibilidade e moitos outros lavados que son só iso, estratexias de márqueting que fan crer que unha institución, persoa ou produto está comprometida con determinados valores.


Hai moitos expertos na materia do purplewashing, sen ir máis lonxe, Inditex, o Corte Inglés, Mango ou calquera outra empresa téxtil. Estas acostuman a tinguir as súas campañas publicitarias de falso feminismo, exemplo disto é a produción dende fai unha tempada de milleiros de prendas con lemas como “Everybody should be feminist”, “GLR PWR”, “Girls can do anything”, “No es no” e unha longa lista de variantes destas frases. Pero, ata que punto que unha gran multinacional faga este tipo de prendas e se declare feminista é beneficioso para o movemento? Son Inditex, o Corte Inglés ou Mango feministas? É unha mera estratexia de márketing, neste caso de purplewashing, aproveitando esta nova “ola” do feminismo?


Se analizamos unha destas empresas podemos ver que o conglomerado de Inditex é de todo menos feminista. A historia do home bo e traballador que creou un imperio da nada e fai xenerosas doazóns ao sistema sanitario e a outras causas sociais está ben para vendérllela aos grandes medios, pero Amancio Ortega acadou a súa fortuna facendo que moitos outros vivan de xeito miserable. Xa dende o comezo, moitas das traballadoras que Ortega tiña na Galiza estaban con dubidosas condicións de traballo, suxeitas a subcontratacións para que non dependeran directamente de Inditex, con ritmos de traballo frenéticos e moitas delas traballando de xeito eventual e sen contrato. Estes talleres de confección foron diminuíndo a súa presenza a medida que a produción foi deslocalizada para países subdesenvolvidos. Toda esta situación non a recollen os grandes medios por mor dos intereses comerciais que os move, senón que o fan medios alternativos ou documentais como Fíos Fóra.


Por todos é coñecido tamén a situación que viven as traballadoras, e os menores, nas fábricas téxtiles que Inditex ten en países subdesenvolvidos. Segundo un estudo de Overseas Development Institute, a industria da moda rápida, na que se encadran todo este tipo de empresas, abastécese na súa meirande parte de man de obra de mulleres de países pobres como Bangladesh ou Camboia, na que as traballadoras representan un 90% do número total de traballadores, en Sri Lanka un 87% ou en Botswana un 80%, entre outros.


O feminismo loita pola igualdade de oportunidades e dereitos para mulleres e homes. Aproveitarse dun movemento emancipador e facer unha campaña publicitaria e de márketing a partir dunha loita non só non é ético, senón que bota por terra o traballo que moitas feministas levan facendo dende fai moitos anos banalizando o movemento. Que grandes empresas ou grandes empresarios digan ser feministas mentres perpetúan os roles discriminatorios que caracterizan o neoliberalismo e o capitalismo só consegue crear un feminismo de camiseta e eclipsar as que realmente loitan polos nosos dereitos. Poñer unha camiseta ou dicir que es feminista non te converte automaticamente ao feminismo como se dun bautismo se tratara. Feminista é aquela persoa que loita, que se manifesta, que sinala as desigualdades e que traballa, na medida das súas posibilidades, para que o movemento avance e estea en constante movemento e iso, non o fai nin Ana Botín, nin Inditex, nin o Corte Inglés, nin Mango, nin ningunha outra gran empresa.


Este é un extracto do artigo orixinal. En breves poderás desfrutalo ao completo na nosa revista en papel!

49 visualizaciones0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo
bottom of page