top of page
Buscar
  • Foto del escritorUxía Pérez

Margarita Ledo, unha vida comprometida cos seus ideais

Actualizado: 22 may 2020


A política foi algo que sempre acompañou moi de cerca á xornalista Margarita Ledo, mais se se remonta as súas primeiras vinculacións, é difícil situar un comezo. Ela non recorda vivir un golpe de realidade, senón que debuxa un camiño máis ambiguo no tocante á conciencia política. Inúndanlle os recordos cando pensa nos primeiros libros en galego entre os que se atopaba Cousas de Castelao ou o relato A Marquesiña que, aínda a día de hoxe, segue a conmovela. Tamén alude aos ecos das folgas estudantís do 68 en Santiago, que chegaban a Lugo cando facía o preuniversitario. Pouco máis tarde en Barcelona, no 1969, participou nas manifestacións contra o Consello de Guerra de Burgos. 


“Comecei a militar na UPG de estudantes e o compromiso levaba da man que te interesaras por todo e que foras a todos os actos: concertos, sesións case clandestinas de cinema, conferencias…” Foi deste xeito como aprendeu a non separar nunca a loita política do resto de actividades. O persoal é político, e polo tanto calquera tipo de expresión pasou a estar unido a un forte vínculo ideolóxico. “Gústame ese sentido múltiple e como unhas cousas engarzan coas outras”, conta Ledo. 


Mais nun contexto de represión ideolóxica, calquera acto contrario á ditadura tiña consecuencias. No 1974, con 23 anos, Margarita Ledo exiliouse en Portugal. A Revolução dos Cravos sucedeu nese mesmo ano, e abriu a porta a todas aquelas persoas que coma ela, foron perseguidas polo Franquismo. En Portugal comezou a crecer a actividade política de todas aquelas persoas que ata o de agora só se podían reivindicar na clandestinidade. 


En 1971 Simone de Beauvoir, unha das grandes iconas do feminismo da segunda vaga, redactara o “Manifesto 343”, en prol do dereito ao aborto en Francia. En 1975, Margarita, que impartía aulas na Faculdade de Letras da Universidade do Porto, fai presenza nun acto de Beauvoir na mesma universidade: “foi ese o momento no que me sinto parte dun movemento que, máis tarde, recoñecería como feminista”, recorda. Dende aquel momento, o feminismo pasou a acompañala na súa loita. 


Regresa a Galiza no 1976 e participa activamente no feminismo dende o ámbito da comunicación, publicando pezas relacionadas co divorcio, o aborto ou a opción sexual. Tal e como ela narra: “Autoincúlpome, por exemplo, nunha das accións pola liberación do aborto;  interveño na compaña de Teresa Navaza, nun acto (tamén a prol da interrupción voluntaria do embarazo) na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago”.


Dous anos despois, entre 1978 e 1980, dirixiu o semanario A Nosa Terra. Margarita conta como foi a xuízo por sacar en portada a unha persoa que deambulaba cada día por Compostela mostrando os seus xenitais: “Era un doente mental. A reportaxe na que saía a súa imaxe levaba por título O pan da marxinación. Repliqueille ao xuíz que se dera unha volta polos quiosques e contara as veces en que o sexo da muller era exposto. Fun absolta. E en recoñecemento, son premio do movemento Lesbigai de Vigo”.


Neste marco social, no que o discurso feminista comezaba a estar máis presente nas rúas é cando se publica, en 1983, o primeiro número da Festa da Palabra Silenciada, unha revista anual de carácter político-cultural, un reflexo do pensamento feminista do momento. Aquel número fora deseñado por Margarita e “ese mesmo ano vou traballar para a Universitat Autònoma de Barcelona, onde sigo a ocuparme da súa posta en páxina. Ao regreso sigo colaborando coa Festa da Palabra Silenciada, que co tempo pasa a denominarse publicación feminista en troques de revista de mulleres, todo un síntoma de toma de posición. Tamén colaboro accidentalmente con Andaina”.


Tradicionalmente e tal e como o patriarcado ditaba, o mundo do audiovisual estaba conquistado case exclusivamente polos homes. Esta tendencia, ao igual que en moitas outras industrias, foi mudando ao longo dos anos: “A situación era a manifestación lóxica do rol subalterno e doméstico que se nos concedía. Era, nin menos nin máis ca expresión da nosa condición. Mellorou acompañando a nosa toma de posición a prol de dignificarnos, de mudar o guión”, comenta Ledo. Non é ata comezos deste século que Margarita Ledo se adentra no mundo do audiovisual, un novo xeito de comunicar. Por iso considera máis que necesario, transmitir a información dun xeito preciso e con consciencia: “Respecto do Cinema e do Audiovisual, debemos resituármonos como material substantivo, nas historias e no feitío. Eu fíxeno en todos os meus filmes. Deille ás mulleres un papel central. Mesmo naqueles filmes que semellaban accións moi masculinas: a toma dun navío, a guerra... as mulleres emerxen como voces e corpos independentes. Despois, xa dende unha perspectiva de xénero, fago A cicatriz branca, sobre as mulleres que migraron soas”. Este discurso trasládase á súa última rodaxe, pois Margarita define a Nación como un filme antipatriarcal, no cal unha muller operaria accede ao traballo industrial dende o agro e o mar.


Dende a segunda onda do feminismo, momento no que ela entra en contacto co movemento, ata a situación actual, o pensamento de liberación da muller deu un xiro de 180 graos. Margarita Ledo reflexiona sobre iso e comenta como “afecta a unha mudanza das mentalidades que vai alén do xénero biolóxico e que radica, precisamente, en cuestionar radicalmente o Patriarcado. Non queremos outro sitio senón que precisamos, como di Ana Romaní, doutro lugar. No 8 de marzo saíu a tona o desexo de comunidade, a partir das diferentes condicións concretas, sociais, históricas, culturais. Por iso é tan importante un libro como Feminismos, por exemplo, de Olga Castro e María Reimóndez. Esta ollada nova tamén contribúe ao auxe do feminismo”.


A catedrática de ciencias da comunicación define como inexcusabel o feito de educar aos xornalistas con perspectiva de xénero, e mesmo para exemplificar ditas necesidades, se remite á “4ª conferencia mundial sobre as mulleres, celebrada en Beijing, un dos  debates estruturais foi sobre a igualdade de xénero. A Declaración e a Plataforma para a Acción sobrancea o papel fulcral dos Medios para promover  tanto a igualdade de xénero coma a diversidade en todas as esferas. Faise un chamado a todxs xs parceirxs para unírense e combater estereotipos e desigualdade no acceso e na participación das mulleres en todos os sistemas de comunicación, nomeadamente nos Medios”.


Pero para contribuír á loita feminista dende o xornalismo son necesarias unha serie de ferramentas, ferramentas que segundo Margarita “xa temos. Por exemplo, no ano 1994 o Parlamento de Galicia crea a Comisión de Igualdade a iniciativa da deputada Pilar García Negro. No 2002 establécese un Observatorio Galego dos Medios, e no 2004 realízanse as xornadas Medios de Comunicación e Violencia contra as Mulleres das que saen recomendacións explícitas recollidas na Declaración de Compostela. O problema é que despois non se aplican”. Ela mesma explica que isto non é suficiente e que por iso se debe pensar tamén en novas ferramentas. 


Así mesmo, recalca a importancia do manifesto Por un xornalismo feminista, presentado polo colectivo de mulleres xornalistas, o cal conclúe por visibilizar, desestigmatizar, facer tratamento especializado, vixiar, promover iniciativas, incrementar a presenza en postos de responsabilidades, controlar o cumprimento das medidas de conciliación, avaliar e reorientar a situación laboral, integrar iniciativas doutras plataformas e colaborar con todas as entidades implicadas nun xornalismo de xénero. 


Na situación lingüística actual, están de manifesto as disputas entre os colectivos tanto feministas como LGTBQ e os órganos reguladores correspondentes no tócante ao uso neutro. A reflexión de Margarita como feminista e membro da Real Academia Galega é canto menos relevante: “Non me gusta reducir a complexidade. Non me gusta esa redución ao “un”. Prefiro sempre o múltiplo. O neutro, por cultura, é masculino. Sería escurecernos outra volta. Iso non significa que non estea de acordo en que se poida discutir na RAG. Sería un debate ben interesante”.


“Poder expresármonos con independencia, ir cara temas e motivos que outras publicacións non tratan, pescudar aquelo que estivo velado, dirixirnos especialmente ás mulleres, recuperar o modo de contarnos” é como define Margarita o contido de publicacións que, como Festa da Palabra Silenciada, seguen a reivindicar a figura da muller nun contexto que tamén lles pertence. 


Na homenaxe a José Afonso no parque de Castrelos "Viñera toda a noite en bus dende Barcelona para participar" (Vigo. 1986) Imaxe: Arquivo fotográfico de Margarita Ledo.




46 visualizaciones0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo
bottom of page