top of page
Buscar
  • Foto del escritorTania Forja

Mulleres artistas, Habelas Hainas

Actualizado: 23 may 2020


Habelencia Húmida Histeria Horizonte. Compostela. Catro mulleres. Halo, Harmonía Humana. Herdanza, Historia viva. Hiperactiva! H do silenzo, muda a muller que soa. Homenaxe. Hematomas. Camiños onde non medra a Herba. Hábitat de Hormonas Hilarantes. Hidrosfera musical. Hoxe. Hipnose sonora con… Habelas Hainas.

Esa é a carta de presentación do grupo compostelá Habelas Hainas, formado por Arantza Alfaia, Jara Ortiz, Patri Gamallo e Sandra Tamayo. O proxecto que comezou no 2010 e con máis de 500 actuacións ás súas costas conta tamén cun disco, Livres e Loucas, un berro de loita que saíu á luz no 2017. Catro mulleres que poñen enriba das táboas do escenario e na rúa a música tradicional galega de xeito enerxético, dinámico e fresco. Cando tocan e cantan fan sentir festiña por dentro e por fóra.


Imaxe de Iván Barreiro


Como nace Habelas Hainas?

Habelas Hainas coñecémonos tocando intensamente nas foliadas compostelás e nas pedras da Quintana, nas baiucas, naquel Calpe de Moha, cando cadrabamos, sentiamos que tocando eramos un crebacabezas con inquedanzas vitais e musicais na mesma frecuencia. Unha das primeiras motivacións que xurdiron para montar os primeiros temas foi participar nos Seráns da Nasa porque case non había daquela ou non coñeciamos cuartetos tradicionais de mulleres instrumentistas.


Habelas Hainas é unha expresión relacionada coas meigas, que vinculación ten o voso proxecto con este significado?

Meigas somos todas as mulleres que loitamos por atrevernos a ser como queremos ser, todas as mulleres anónimas das nosas vidas as avoas, as nais, as amigas, as mulleres extraordinarias do cotiá, as dos traballos invisíbeis, as silenciadas, as bruxas cazadas de tódolos tempos que fan maxia cada día, lavandeiras da noite, labregas, tecedeiras, poetas, pintoras, astrónomas, científicas, arquitectas, músicas, menciñeiras... Marías Soliño, Marías Balteira, Marías, Coralias, Luz Fandiño...meigas todas, homenaxe ás mulleres habilidosas, histéricas, independentes, libres e loucas. Netas nós, de todas elas, porque non conseguiron queimalas. Meigas dentro!

O noso proxecto reflicte esta idea, primeiro polo feito de sermos catro mulleres tocando instrumentos enriba dos escenarios mais tamén porque a nosa presenza como músicas e a nosa maneira de recrear e interpretar a música tradicional é moi enérxica, dinámica, fresca e empoderada.


É habitual atopar un grupo como o voso formado só por mulleres?

Cando nós comezamos en 2010 non era moi habitual no noso contexto e sorprendíanos ver e buscar información sobre outros grupos da península como Las Migas (Andalucía-Cataluña), Las Çarandas (Miranda do Douro)... no ámbito das músicas de raíz. Somos un elo mais da cadea das que nos precederon.

Nos últimos tempos comezan a agromar cada vez máis grupos non só formados senón tamén liderados por mulleres músicas de diferentes estilos e instrumentacións. Nesta liña, xurdiu a idea de crear as Irmandiñas, proxecto impulsado por Oïma, Sacha na Horta, Habelas Hainas e The Teta's Van, precisamente para visibilizar que é posible facer un cartaz dun festival con grupos de diversos estilos musicais formados e liderados por mulleres músicas.


Dentro do mundo musical cando se poñen en contacto con Habelas Hainas para contratacións ou demais trámites, botan a falta da figura do “home ao mando”?

Habelas Hainas é un proxecto autoxestionado (tamén para a xestión da contratación e demais burocracia), que traballa de xeito consensuado e horizontal, isto aínda sorprende hoxe. E si, sobre todo nos comezos era moi frecuente a estrañeza de que non houbera ningún home na dirección, presupoñendo unha xerarquía, preguntas como estades todos? e o director? Con quen hai que falar?, os músicos a que hora chegan?


Atopástedes “linguas marmuradoras” ou outras dificultades á hora de afrontar o voso proxecto?

Sobre as linguas marmuradoras...

Carballeiriña escura

anda nena vive libre

rite de quen te marmura

(Trad. galega)




A música é un mundo de homes? É difícil colonizalo sendo muller?

Nós non somos nada de colonizar, máis ben somos anticolonialistas. Gostamos de okupar e de desfrutar en igualdade os espazos que nos foron negados por defecto. Non hai máis que botarlle unha ollada á programación cultural, aos cartaces de festivais dos últimos 30 anos ou ao número e aos roles das mulleres músicas nas diferentes formacións.

Formamos parte dunha asociación de músicas e músicos galegos. MAV (MÚSICOS AO VIVO), unha cooperativa que traballa arreo a prol da dignificación laboral das traballadoras musicais no noso país.

Nunha das últimas asembleas un dos puntos da orde do día foi o de mudar o nome da asociación por MÚSICAS AO VIVO, por unha cuestión de xénero, de polisemia, de termo abranguedor e demais. Foi sorprendente a argumentación dalgúns compañeiros reacios á mudanza.


Actualmente hai moitos grupos e solistas que cantan en galego, cren que neste aspecto hai o mesma oferta de música feita por homes que por mulleres?

Somos un pobo de artistas! (Xurxo Souto)

Nun sistema patriarcal as mulleres artistas nunha lingua minorizada enfróntanse tamén ao teito de cristal dende unha tripla vertente, por ser mulleres, por adicarse ás artes e por facelo nunha lingua minorizada.

Mulleres artistas, Habelas Hainas, malia a invisibilidade histórica e o H do silenzo que non conseguiu acalalas, nin queimalas. En galego, seguimos latexando como pobo e cultura diferenciada, única e maxicamente irrepetíbel, facendo música na nosa lingua propia universal, polo dereito a existir nela en calquera ámbito vital, a autoexpresármonos, a seguir a construír a nosa historia e a compartir o sentir da xusta e necesaria autodeterminación dos pobos nun contexto neocolonial como o desta parte do mundo.

Solistas e grupos musicais creados por mulleres, habelos, hainos, mais o caso é visibilizalos, proxectos como Músicas Galegas Ilustradas (Romero, 2017), contribúen tamén á esta visibilización, mais termos voz coa mesma igualdade de oportunidades, de presenza nos festivais...


Agora que estamos xuntas, agora que se nos ve

Abaixo o patriarcado que vai caer, que vai caer

arriba o feminismo que vai vencer, que vai vencer

(Cantiga Tamborililás Batukes Feministas 2019/2020)


A día de hoxe é difícil facerse un oco no panorama musical galego actual?

A nivel político-social Habelas Hainas construíuse pouco despois dos comezos da crise de 2008 e agora diante da crise do covid19 as artistas galegas comezamos unha campaña nas redes, a #nonnoscanceles.

A precariedade, a incerteza para as traballadoras culturais galegas é dun grao elevado por diferentes motivos: pésima xestión dos orzamentos públicos en materia de cultura (nepotismo, facilitación de axudas a quen máis ten, repartos desiguais a favor dos aduladores...), falta de valoración por parte das institucións dos grupos musicais galegos a favor de grupos de fóra na organización de macrofestivais do camiño, entre outros, que consumen boa parte do orzamento anual, silenciación e invisibilización da música galega de diferentes estilos nos medios de comunicación públicos, contratación e pagamentos tardíos e intermitentes por parte dalgunhas administracións locais...

O agradecemento nestes anos de arredor de 500 concertos ao vivo vai para todo o tecido do asociacionismo galego que dende a autoxestión, o voluntariado e o esforzo colectivo organizan propostas culturais no noso país dende a valoración do propio.


A nivel musical, de que artistas ou xente do cotiá beben?

Músicas tradicionais e de raíz de diferentes partes del mundo desde as finlandesas Värttina, Dulce Pontes, Carmen París, Zeca Afonso, Mercedes Peón, Guadi Galego, Cempés, Diplomáticos de Monte Alto...

O que nos inspira moitas veces son as loitas sociais das que facemos parte, Marchas da Dignidade (Pan, Traballo e Teito), loitas feministas nas rúas, bebemos do espírito o barrio, da comunidade e de todo o que nos fai movernos por dentro. De xente marabillosa como Luz Fandiño, avoa-amiga, poeta galega, poeta universal, e de todas as mulleres loitadoras e valentes do cotiá...

 

"Nun sistema patriarcal as mulleres artistas nunha lingua minorizada enfróntanse tamén ao teito de cristal dende unha tripla vertente, por ser mulleres, por adicarse ás artes e por facelo nunha lingua minorizada"

 

Vemos que Rosalía ten un gran peso no voso imaxinario, é Rosalía unha das figuras precursoras do feminismo galego?

Só cantos de independencia e liberdade sairon dos meus beizos, aínda que arredor sentira, xa dende o berce, o ruído das cadeas que debían aprisionarme para sempre. Porque o patrimonio da muller son os grillóns da escravitude. (...). Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos e eles son a lei que rexe o meu destino

Lieders, Rosalía de Castro, 1858


Dicir Rosalía é dicir amor propio, Terra, Lingua, Muller anceios de liberdade e desenvolvemento artístico dunha muller que se atreveu a ser escritora, música... en galego no século XIX, malia todos os obstáculos e dificultades estruturais. Rosalía vive en cada unha de nós como un referente artístico multidisciplinar moi potente.


Algunhas das súas cancións son adaptacións ou colaboracións con outros artistas, como nacen eses vínculos?

Cantámoslle ao amor propio: voarei, sen ti eu voarei en “Finnish Terra”, mestura de melodías de ida e volta que van por unha banda, da Laroá labrega emigrada a Cuba e por outra viaxan dende as escoitas de grupos tradicionais fineses ás lembranzas da nosa breve e intensa incursión musical polo NordKapp (Noruega), cantámoslle á sororidade e ás músicas da rúa na “Danza”, á liberdade para ser, á retranca e o desprezo das malas linguas en “Marmuradoras” ou ao pasado que se fai presente en “Media Calada”.

“Ergámonos!” versión en galego do “Hymne des Femmes” do Movemento de Liberación Feminista francés (MLF, 1970), motivado pola exposición de Carolina Cruz Guimarey Levons-nous!, ou o “Bella Ciao”, versión en galego da letra orixinal que fala das duras condicións de traballo das labregas de Padua, labregas do mundo. Salientamos tamén a colaboración con outras poetas galegas como Xiana Arias, Luz Fandiño, avoa-amiga, a quen lle adicamos o “Latexo Roxo” creada dende a ollada das netas do golpe de Estado do 36, Andrea Nunes ou Rosalía Fernández, que en diálogo con Rosalía colaborou en varias ocasións nun dos nosos temas máis queridos, “Festiña por dentro”.

Xa dixemos nalgunha ocasión que para nós, os mellores escenarios son as rúas do mundo, xorde así “Pan, Traballo e Teito”, cuxa letra fixemos para unha das Marchas da Dignidade 2014 polo Pan, Traballo e Teito, o “Himno Cementeiro”, creada para o Máis Talento e Menos Cemento, contra a especulación urbanística no concello de Barreiros ou os “Maios”, motivada polas sabotaxes culturais dos gobernos municipais de dereitas en Compostela nos últimos anos, cando, entre outras moitas, tentaron apagar a Feira da Primavera 2015 no noso benquerido barrio de San Pedro, que segue, sempre en loita, brillando con luz propia.

A nosa música construíuse dende a loita social permanente nas rúas, para nós os mellores escenarios do mundo. Os escenarios son espazos diversos e necesarios de comunicación e de expresión artística dos sentires e inquedanzas persoais e sociais. Tocando nas rúas a comunicación é moito máis cercana, máis directa, de ti a ti compartindo historias e andainas de vida, alento mutuo

Quizais a mellor forma de combate, sexa a creación e recreación, a enerxía creada entre nós mesmas cando tocamos xuntas, o acubillo e a confianza mutua... a participación noutros proxectos artísticos con compañeiras poetas, escritoras, feiticeiras do audiovisual... a retroalimentación, o agarimo e a benquerencia de quen escoita e participa das nosas músicas e o apoio incondicional entre compañeiras doutras formacións e asociacións culturais do país que apostan pola música en galego e en directo.


Livres e loucas é o nome do seu disco, é unha declaración de intencións?

Berro da rúa. Loita por atreverse a ser como queremos ser. Cantos de liberdade e independencia. Persoas libres tecendo redes nesoutra sociedade que anceiamos máis xusta, máis igualitaria e máis digna para todas. A loucura é tal vez a “non renuncia” a unha mesma, motor de creación e de supervivencia nunha sociedade demencial neoliberal.


Portada do disco Livres e Loucas


Se se tiveran que quedar con algunha das súas actuacións con cales serían?

Case todos os concertos son especiais para nós por moitos motivos, poderiamos lembrar un cento deles, mais se cadra, o primeiro, nas Festas de San Pedro de 2010 tivo un especial significado, por ese primeiro impulso, pola maxia de coñecernos, por parirmos na casa, polo solsticio de verán, porque esa noite “baila o sol cando nace e ri cando morre o día”, polas fermosísimas colaboracións coa xente do barrio, polo apoio e caloriña de xente tan bonita.

Por inesperado, por lonxano e cercano ao tempo, pola comprensión e acollida nunha aldea do círculo polar ártico aos ritmos do sol de medianoite, salientamos os concertos nas escolas, nos museos do mar e nos cafés de Honningvag no Cabo Norte (Noruega) en 2013. Dos máis recentes, lembramos con emoción e co inmenso pracer de poder compartirmos con tanta xente querida e siareira coma nós deste festival, os concertos de Pardiñas 2015-2019, festival emblemático, lindo, máxico e cheo de encontros desta curiosa tribu, amante das músicas populares...en primeira liña, sempre, non podía faltar a nosa avoa, amiga e compañeira: Luz Fandiño.

Por xogar na casa dende as pedras da Quintana coas luces azuis da policía logo das foliadas ao escenario da Quintana nas festas do 25 de xullo, o festival Terra da Fraternidade 2017. E dos máis recentes talvez o Intercéltico do Morrazo ou o concerto no Auditorio de Vilalba 2019 organizado polo Instituto de Estudos Chairegos homenaxe a Alfonso Blanco, e a Manuel María polo tremendo cariño e afecto dun público sempre novo e pola intensidade fonda das palabras durante ese acto.


Esta é unha versión da entrevista, na revista en papel atoparedes estas e outras preguntas inéditas

175 visualizaciones0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo
bottom of page