8 de marzo, unha xornada de loita
- Tania Forja
- 5 mar 2020
- 2 Min. de lectura
Actualizado: 23 may 2020
A Asemblea Aberta Feminista de Compostela anunciou a axenda de actividades do día Internacional da Muller

“Amosar o invisible e facelo visible”. Ese é o leitmotiv da Asemblea Aberta Feminista de Compostela para o vindeiro 8 de marzo, día internacional da muller. Nesta ocasión, tal e como explican dende o colectivo e dende o conxunto que congrega á meirande parte dos grupos feministas do país, Galegas 8M, a xornada está centrada no consumo e nos coidados.
Dende fai anos o feminismo galego está en pleno período de expansión. Así quedou demostrado nas anteriores convocatorias do 8M e na manifestación do pasado un de marzo en Verín. Desta volta, non se convocou folga xeral xa que se quixo poñer o foco no papel da muller como coidadora, na meirande parte das ocasións de xeito altruísta e non remunerado. “No caso de ser remunerado, as condicións son precarias, sendo estas bastante insignificantes con respecto ao resto do mundo laboral” tal e como explicaban dende a Asemblea Aberta Feminista de Compostela na rolda de prensa do día de hoxe. Así mesmo, ínstase a non consumir durante toda a xornada. Ademais, queren recordar a importancia de levar a cabo no día a día un consumo responsable, entendendo por este aquel que é respectuoso co medioambiente e co territorio no que vivimos, de tal xeito que non se favoreza ao capitalismo e ás grandes empresas.
En canto as actividades previstas para o 8 de marzo, a cidade de Compostela prevé para a mañá, como en ocasións anteriores, ruadas que sairán ás 12:00 da mañá dende distintos puntos da cidade ata unirse todas na Rúa da Senra. A continuación, celebrarase un xantar colectivo onde cada un pode levar a comida da súa casa, respectando así a folga de consumo.
A partir das 15:00 da tarde haberá obradoiros, música e poesía, entre outras actividades, na Alameda e na praza 8 de Marzo, en carpas fornecidas polo Concello de Santiago de Compostela. Xa ás 19:30 comezará a manifestación que rematará na Praza do Obradoiro.
Dende a Asemblea Aberta Feminista de Compostela sinalan a importancia de tomar as rúas dende todos os puntos da cidade xa que “o 8 de marzo é unha xornada de loita e revolta e tamén de coidarnos a nós mesmas, de saír as rúas e ser as protagonistas”. O colectivo anima a todas as mulleres da cidade a participar activamente neste día.
Comments