Lecturas para acurtar os días
- Sara García
- 28 mar 2020
- 4 Min. de lectura
Presentamos unha serie de recomendacións de libros de temática feminista para facer máis ameno este confinamento

A difusión da comunicación escrita supuxo que se producise un achegamento entre aqueles que desexaban expresar unha mensaxe e aqueles outros que precisaban escoitalo. Cos libros, os seres humanos puideron establecer un método de comunicación que serviu para dar testemuñas de épocas pasadas e de feitos históricos que perduraron non só na memoria, se non tamén nas páxinas.
A democratización da lectura supuxo que a sociedade puidese acceder á cultura e á información e, polo tanto permitiu que as persoas puidesen desenvolver o seu propio pensamento crítico.
Dende Cativa pensamos que unha das mellores formas de pasar este confinamento é acompañados dunha boa lectura, polo que queremos presentar un total de nove títulos -todos eles relacionados co feminismo- que poden facer os vosos días máis amenos e tamén poderán axudarvos a profundizar máis neste tema. É por iso polo que non recorremos aos clásicos que todo o mundo coñece como a Simone de Beauvoir ou a Virginia Woolf. Quixemos escoller unha serie de libros para todos os gustos, dende novelas gráficas ata manifestos e recompilacións de textos curtos de autoras que quizais non son tan coñecidas.
A primeira das nosas recomendacións é ‘El feminismo en mi vida: hitos, claves y topías’, de Marcela Lagarde y de los Ríos. A autora fai un percorrido por todos os textos relacionados co feminismo que nalgún momento publicou ou expuxo. Abarcan un total de trinta anos nos que Marcela trata temas como a sororidade, o amor e a sexualidade. Trátase dunha especie de pausa no camiño, onde a escritora se permite botar a mirada atrás e analizar todos os fitos conseguidos polo feminismo, pero tamén todo aquelo que considera que segundo ela, aínda non se conseguiu.
Para continuar, cremos que outro dos nosos imprescindibles é ‘Lola Vendetta’. Lola trátase do alter ego de Raquel Riba Rossy, unha ilustradora que acompañada da súa katana pretende acabar coas inxustizas que sofren as mulleres. Trátanse dunha serie de ilustracións de liñas sinxelas, en tonalidades de negro, gris, branco e vermello e que son capaces de transmitir unha mensaxe moito máis profunda. A esta novela gráfica séguena outras dúas: ‘Que pacha, mama’ e ‘Lola Vendetta y los hombres’.
A terceira lectura que presentamos, ‘Violadas o Muertas’, de Isabel Valdés, céntrase na violación cometida por La Manada no 2016 en Pamplona. Para a autora trátase dun declaración contra todas as manadas e os seus cómplices. Trátase dunha investigación a fondo, deixando a un lado todas as interferencias que a prensa levou a cabo durante todos os anos que estivo aberto o caso. Valdés pretende, polo tanto, desmantelar o machismo que tingue todas as institucións do noso país.
Para a cuarta recomendación volvemos á novela gráfica, esta vez da man de ‘Idiotizadas, un cuento de empoderhadas’, de Raquel Córcoles, máis coñecida como Moderna de Pueblo. Trátase dunha obra cómica que pretende mandar unha potente mensaxe á sociedade e romper cos estereotipos de xénero que nos foron inculcados a todos dende ben pequenos.
Mary Beard, co seu manifesto ‘Mujeres y poder’ é a nosa seguinte recomendación. Nesta lectura composta polo discurso que Beard deu en varias conferencias, repasa cómo a historia tratou ás mulleres, dende as clásicas Medusa e Atenea ata Theresa May ou Hillary Clinton. A autora acerta ao debuxar e esquematizar os mecanismos empregados pola nosa cultura occidental para manter ás mulleres lonxe do poder e a non tomalas en serio.
A sexta das nosas recomendacións ocúpana, en realidade, dous volumes dun mesmo libro. Trátase de ‘Cuentos de buenas noches para niñas rebeldes’, de Francesca Cavallo e Elena Favilli. Cada tomo fala de cen exemplos de mulleres que destacaron cadanseu seu ámbito. María Montessori, Zaha Hadid, Frida Khalo, Beyocé ou Nefertiti son algunhas das protagonistas destas lecturas, aptas tanto para os máis pequenos da casa como para os máis adultos.
Rebecca Solnit é a autora da seguinte lectura que recomendamos: ‘Los hombres me explican cosas’, un ensaio onde a escritora fala da súa propia experiencia cos homes, e empregando como fío condutor unha cea que mantivo cun descoñecido. Esta lectura pretende ser un antídoto contra o mansplaining.
A oitava lectura trátase dunha biografía ilustrada, neste caso a de Frida Kahlo, elaborada por María Hesse. A autora fai un repaso pola vida da artista mexicana, dende o momento da súa xestación e ata a súa morte e tratando tamén a súa relación con Diego Rivera e outras persoas que influíron na súa obra e na súa vida.
Xa para rematar, é Liv Strömquist, cun cómic-ensaio, ‘El fruto prohibido’ a que ocupa a nosa novena recomendación. Activa no ámbito do feminismo, a autora repasa varios aspectos da sociedade patriarcal na que nos atopamos inmersos: a historia cultural da vulva. Strömquist reflexiona sobre como os homes intentaron silenciar, interpretar, modificar ou censurar o corpo da muller. Unha obra amena e nada densa que consegue o seu obxectivo: facer reflexionar sobre a situación de desigualdade na que vive a muller e a responsabilidade de todos para facer que iso cambie.
Comments